O organismo provincial entrega os primeiros galardóns a doce proxectos de comunidades de usuarios de auga e reforza as súas axudas con máis de 1,8 millóns de euros para 2026. O 85% das traídas premiadas son socias de COXAPO.
O pasado 16 de febreiro, o salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra acolleu un acto histórico para o mundo das traídas veciñais: a entrega dos primeiros Premios +Aqua, uns galardóns creados pola Deputación de Pontevedra para recoñecer o esforzo cotiá das comunidades de usuarios de auga que garanten o abastecemento no rural pontevedrés.
O presidente provincial, Luis López, presidiu o acto acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, e subliñou que estas entidades son “pezas clave” para a calidade de vida e a fixación de poboación no territorio. López cualificou os premios como “un exercicio de responsabilidade institucional con todos eses colectivos que poñen o seu tempo, as súas ideas e os seus recursos á disposición da provincia”.
Doce proxectos premiados en catro categorías

A primeira edición dos Premios +Aqua distinguiu doce proxectos pertencentes a nove entidades de distintas comarcas, repartindo un total de 12.000 euros nas seguintes categorías:
-
Mellor traída veciñal para o consumo humano: 1º Comunidade de Usuarios de Estás (Tomiño), 2º Santa Marina de Sela (Arbo), 3º Calvos (Fornelos de Montes).
-
Maior impacto social: 1º Comunidade de Usuarios de Estás (Tomiño), 2º Couso (A Estrada), 3º Parada e Rocha (Ponteareas).
-
Iniciativas innovadoras na xestión comunitaria: 1º Tortoreos e Liñares (As Neves), 2º Barrios de Abelle, Carrertera e Sentín (Vilagarcía de Arousa), 3º Estás (Tomiño).
-
Boas prácticas en calidade sanitaria: 1º Igrexa (Caldas de Reis), 2º Estás (Tomiño), 3º Parada (Crecente).
A Comunidade de Usuarios de Estás, en Tomiño, foi a gran protagonista da noite, ao recibir galardóns nas catro categorías.
O 85% das premiadas, socias de COXAPO
Dende COXAPO queremos destacar con orgullo que o 85% das asociacións de traídas veciñais recoñecidas nestes premios forman parte da nosa asociación.
Este dato non é casual: reflicte o traballo diario, rigoroso e comprometido das nosas socias, e demostra que o modelo de xestión comunitaria e asociativa que defendemos dende COXAPO é un referente na provincia.
Máis axudas para 2026: 1,8 millóns de euros
Xunto aos premios, a Deputación confirmou o reforzo das súas liñas de apoio económico ás traídas veciñais. En 2026, as dúas liñas específicas destinadas a comunidades de auga acadaron os 1,8 millóns de euros:
-
+Aqua: 1,44 millóns de euros para mellorar a calidade da auga e as infraestruturas.
-
+Novaqua: 360.000 euros orientados á regularización de traídas, con axudas de ata 6.000 euros para cubrir gastos como proxectos de legalización, analíticas, topografía ou renovación de instalacións.
O prazo para solicitar estas axudas está aberto ata o 1 de abril de 2026. Dende COXAPO animamos a todas as asociacións socias a presentar as súas solicitudes e a aproveitar estes recursos para seguir mellorando o servizo que ofrecedes aos vosos veciños e veciñas.
Un recoñecemento agrado desde hai tempo
Durante o acto, os representantes das traídas presentes coincidiron en sinalar que a “abundancia de auga” nas Rías Baixas non elimina os retos. Manter captacións, evitar fugas, mellorar a tecnoloxía ou garantir a calidade sanitaria seguen sendo desafíos prioritarios para unhas entidades xestionadas de forma altruísta polo propio veciñario.
Dende COXAPO celebramos que a Deputación de Pontevedra dera este paso, dando visibilidade ao traballo silencioso de miles de persoas que, día a día, fan posible que a auga chegue aos fogares do rural pontevedrés. Seguiremos traballando xunto ás nosas asociadas para que este recoñecemento sexa o primeiro de moitos.


