A entidade galega compartirá en Irlanda a súa experiencia na xestión comunitaria dos servizos de auga e aproveitará a súa participación no congreso para coñecer de primeira man dous modelos de comunidades de usuarios no County Offaly.
Coxapo participará no Rural Water Services Conference 2026, organizado pola National Federation of Group Water Schemes (NFGWS), que reunirá en Irlanda representantes, profesionais e entidades vinculadas aos servizos de auga xestionados por comunidades.
A participación de Coxapo permitirá trasladar ao ámbito internacional a experiencia desenvolvida en Galicia arredor da xestión comunitaria da auga, así como compartir os retos e oportunidades aos que se enfrontan este tipo de modelos no contexto actual.
Durante a conferencia, Rafael Carrera, fundador de Coxapo, participará como relator na sesión “Perspectives From Community-owned Water Services in Spain”, na que presentará a perspectiva española e, especialmente, a experiencia galega nos servizos de auga xestionados polas propias comunidades.
A presenza de Coxapo en Irlanda non se limitará ao programa da conferencia. Aproveitando este encontro, Rafael Carrera e Eva Álvarez, técnica de Coxapo, realizarán o xoves pola tarde e o venres pola mañá visitas a dúas comunidades de usuarios de auga do County Offaly.
Estas visitas permitirán coñecer directamente o funcionamento destes modelos de xestión comunitaria irlandeses, intercambiar experiencias e analizar tanto as similitudes como as diferenzas existentes coas comunidades de usuarios de Galicia.
Para Coxapo, este intercambio constitúe unha oportunidade para aprender doutras experiencias, compartir coñecemento e fortalecer a colaboración entre comunidades que, malia desenvolverse en contextos diferentes, afrontan desafíos comúns relacionados coa xestión, o mantemento e a sustentabilidade dos servizos de auga.
A participación no Rural Water Services Conference e as visitas ás comunidades do County Offaly forman parte do compromiso de Coxapo coa innovación, a cooperación e o impulso de modelos de xestión da auga baseados na participación e no coñecemento das propias comunidades.
De Galicia a Irlanda, compartindo experiencias para seguir mellorando a xestión comunitaria da auga.
Consulta o programa completo do Rural Water Services Conference 2026
Coñece todas as sesións, participantes e horarios da conferencia no programa oficial.
Ver / Descargar programa da conferencia (PDF)



